O Concello de Sada reforza os investimentos en saneamento nas parroquias co remanente dispoñible

ACoruñaXa
O documento elaborado polo equipo de goberno contempla 164.000 euros de investimentos destinados a novas infraestruturas ou a renovar a xa existente
Imaxe aerea de Sada
25 Xuño 2024

O Goberno local de Sada afianzará neste 2024 unha das principais liñas estratéxicas da súa labor: a mellora da rede de saneamento nas distintas parroquias que conforman o Concello de Sada. No orzamento do presente exercicio xa se contemplaba un aumento das partidas desta área e, toda vez o expediente do remanente conte coa aprobación da corporación, o Concello poderá reforzar estes traballos levando os investimentos a máis zonas do municipio.

Unha das actuación fundamentais estará centrada nos pozos de bombeo. Sada conta en total con case medio centenar destas infraestruturas imprescindibles para o correcto funcionamento do sistema de saneamento. Neste apartado contémplanse investimentos por valor de 50.500 euros en Mondego, na Pedreira, Mandín, Igrexa Carnoedo, Arnela, naves de Coiro e Lácere/Lamela. A este importe haberá que sumar outros 90.000 euros para actuacións en distintos puntos da rede no casco urbano que requiren de intervencións fundamentais para manter a calidade das nosas augas. Nalgúns caso, coma a obra prevista na rúa da Fonte, trátase de actuacións inaprazables debido á rotura da infraestrutura existente.

Entre os proxectos que recolle o documento elaborado polo goberno local tamén se atopa a dotación de auga e saneamento no camiño de Quintán que leva á pista polideportiva, na parroquia de Mondego. Neste caso a ampliación da rede de servizos públicos calcúlase en 24.000 euros.

Por outra banda, o executivo local tamén tramita a adquisición dun novo camión de saneamento que substituirá ao existente, dada a antigüidade do mesmo e as dificultades mecánicas que presenta, o custe estimado ascende a 220.000 euros; tamén un novo camión-grúa para mellorar a dotación do departamento de servizos.

Outro dos investimentos que impulsa o departamento de Obras e Servizos e Medio Ambiente é a adquisición de mobiliario urbano por valor de 30.000 euros.

0.18546509742737