O Concello de Sada leva a pleno o convenio con Augas de Galicia para a ampliación da EDAR
O goberno local de Sada proporá no pleno ordinario deste xoves a aprobación do convenio de colaboración técnica e financeira entre o Concello de Sada e Augas de Galicia para a ampliación da depuradora do porto. Coa aprobación deste convenio acordado coa Xunta de Galicia será posible dar un paso máis na execución desta obra, que suporá o investimento máis elevado no noso municipio en 40 anos.
Sada necesita contar cunha EDAR adaptada á realidade actual dunha vila que multiplicou de forma notable a súa poboación nestas décadas, pasando de algo máis de dez mil habitantes a principios de século a máis de dezasete mil na actualidade. Cifras que nos meses de verán chegan a duplicarse -mesmo triplicarse- coa chegada de moitos veciños que teñen na nosa vila a súa segunda residencia e dos turistas que ven en Sada o lugar ideal para pasar as súas vacacións de verán.
O pleno do concello xa aprobara en xaneiro do 2021 o anteproxecto de ampliación desta infraestrutura, que contemplaba un investimento de 10 millóns de euros. Con todo, as actualizacións realizadas no proxecto, máis o encarecemento dos materias ó que no é allea a administración pública, indican que o investimento final será máis elevado. O mesmo será sufragado por completo pola Xunta de Galicia grazas ó financiamento dos Fondos Europeos Next Generation.
Ademais deste asunto, o goberno local tamén leva para a súa aprobación a incorporación do Concello a un pioneiro sistema impulsado pola Policía Nacional para facilitar os trámites da veciñanza no proceso de actualización de datos da documentación relacionada co DNI. De implantarse este sistema no noso municipio, a veciñanza poderá achegarse polo edificio do Concello para poder renovar as claves vinculadas ó DNI electrónico e poder así realizar trámites de forma telemática. Na actualidade a única posibilidade existente é acudir ás oficinas da Policía Nacional na Coruña.
Xa por último, o goberno local tamén presenta para a súa aprobación un plan antifraude coa que deben contar os municipios coma o noso para poder solicitar e tramitar subvencións ou axudas europeas co cargo a fondos coma os Next Generation. Este plan servirá para velar polo correcto uso destes fondos e garantir a transparencia sobre o proceso administrativo.