O Concello de Paderne ofrece servizos de podoloxía gratuítos para maiores de 60 anos

ACoruñaXa
A iniciativa trátase dunha asistencia aberta a toda a veciñanza maior de 60 anos, con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica
Imaxe recurso podoloxía
Imaxe recurso podoloxía
2 abr 2024

O municipio de Paderne retoma desde este luns, 1 de abril, o servizo de Podoloxía gratuíta. A prestación xa foi ofrecida desde setembro ata decembro do ano 2023 e agora regresa mantendo as súas condicións para completar a firme aposta do equipo de goberno municipal por uns Servizos Sociais de calidade.

Deste xeito, a podoloxía é unha asistencia sen custo algún para as persoas que o soliciten. O servizo está aberto a maiores de 60 anos que non realicen actividade laboral. A maiores, a condición da idade desaparece para ofrecer tamén tratamento a persoas con discapacidade e dependencia recoñecidas ou en situación de vulnerabilidade socioeconómica.

A prestación ofrécese nunha sala habilitada na Casa Consistorial os luns e martes en horario matinal, ademais das tardes dos mércores. A maiores, no caso de que o usuario ou usuaria en cuestión teña problemas de mobilidade, a asistencia pode ofrecerse no domicilio particular.

Todo aquel que estea interesado en solicitar esta prestación pode contactar coa área de Servizos Sociais ou chamando directamente ao Concello.

“Apostamos de novo por esta iniciativa porque consideramos que Paderne debe contar cos mellores servizos posibles para a súa veciñanza. Este Concello debe ser un lugar cómodo para vivir e que se preocupe pola súa xente”, apunta a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos. “A Podoloxía únese ao préstamo de equipamento técnico asistencial de todo tipo, pero tamén a iniciativas que facemos ao longo do ano para asistir aos nosos e as nosas maiores e as persoas con necesidades de todo tipo”, recalca Abrodos.