O Concello de Paderne destina máis de 401.000 euros a obras do Plan Único

ACoruñaXa
O pleno aprobou por unanimidade actuacións en Chantada, Paderne de Abaixo e Adragonte e incluíu no plan complementario a renovación de vías na Costa O Carballo, en Velouzás
casa-concello-paderne
2 Feb 2026

O Concello de Paderne aprobou por unanimidade, nunha sesión extraordinaria do pleno celebrada esta mañá, destinar 401.114,59 euros a diferentes actuacións de mellora dos servizos públicos incluídas no Plan Único da Deputación da Coruña para este exercicio.

O acordo contempla tres intervencións principais. Por unha banda, a renovación do subministro de auga potable e a mellora de viais en Chantada, cun orzamento de 194.658,55 euros. Ademais, prevese a instalación dunha nova EDAR en Paderne de Abaixo, cun investimento de 169.564,32 euros. A terceira actuación será a pavimentación de varios viais en Adragonte, para a que se reserva unha partida de 36.891,72 euros.

Na mesma sesión, todos os grupos políticos deron tamén o seu voto favorable á inclusión no Plan Único Complementario da renovación de vías na Costa O Carballo, en Velouzás, cun orzamento estimado de 148.270,18 euros.

Tras o pleno, o alcalde, Sergio Platas, salientou que 'o Concello de Paderne goza dunha boa saúde económica' e indicou que, ademais dos investimentos, se poderá destinar a maiores 70.784,93 euros a gasto corrente. Segundo explicou, a liña de goberno pasa por mellorar servizos 'indispensables para a veciñanza', con actuacións graduais para chegar a todos os lugares e coa intención de continuar nesa mesma dirección.

⚙ Configurar cookies
0.078553915023804