O Concello de Oleiros informa das normas para a noite de San Xoán

ACoruñaXa
Todas as persoas que vaian realizar unha fogueira, tanto nas praias coma noutros lugares do municipio, deben solicitar autorización
Imaxe da Praia de Bastiagueiro en Oleiros
19 Xuño 2024

O Concello de Oleiros lembra que todas as persoas que vaian realizar unha fogueira a noite de San Xoán, tanto nas praias coma noutros lugares do municipio, deben solicitar previamente autorización municipal.

Neste sentido, é posible presentar a solicitude presencialmente nas oficinas xerais da Casa do Concello ou telematicamente a través da Sede electrónica.

Para evitar danos persoais e materiais, o Concello lembra a importancia de cumprir as normas establecidas.

- As persoas solicitantes atenderán as indicacións e requirimentos da Policía Local, Garda Civil e do Servizo de Emerxencias e Protección Civil, que poderán supervisar o lugar da fogueira previamente á súa celebración ou ben mentres esta teña lugar.

- As persoas solicitantes deberán coidar os arredores da fogueira e coñecer o número de emerxencias 112. Previamente ao inicio da fogueira comprobaranse as medidas de prevención axeitadas (mangueira, depósito de auga, extintores,...).

- O desenvolvemento das fogueiras deberá axustarse ao permiso concedido, ás ordenanzas municipais e á lexislación vixente.

- O volume máximo das fogueiras será o seguinte:

En zonas urbanas, o volume da fogueira non excederá os 5 metros de perímetro, nin un metro de altura e separarase dos edificios, árbores e mobiliario público o suficiente para non causar danos.

En zonas rurais, o volume da fogueira non excederá os 3 metros de perímetro nin os 3 metros de altura e separarase das edificacións, árbores e mobiliario público o suficiente para non causar danos.

Previamente ao seu inicio, farase una limpeza mediante a eliminación da totalidade do materialcombustible nunha franxa de polo menos 5 metros, rodeando o perímetro da fogueira.

- Porase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos, telefónicos ou outros, nin tampouco se fará preto de locais onde existan produtos inflamables.

- Non se poderán queimar plásticos, gomas ou calquera outra substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estes estean baleiros.

- No caso de que unha fogueira se faga sobre terreos de uso público, os responsables encargaranse de que o lugar sexa o axeitado e nunca se poderá facer directamente sobre zonas pavimentadas nin axardinadas.

- Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa ao inicio da fogueira, depositando o lixo nos contedores correspondentes. O solicitante e os participantes serán responsables solidariamente da limpeza e reparación dos danos que se causen.

- Nos espazos públicos, e en especial nas praias, as fogueiras colocaranse en liña, afastadas do mobiliario e, en ningún caso se permitirá acceder a eles con ningún tipo de mobiliario (cadeiras, sofás, etc.).

- Nas praias soamente se permitirá facer as fogueiras coa madeira facilitada polo Concello de Oleiros que estará disposta nos accesos das praias nas que se permite facer fogueiras.

- As únicas praias permitidas para facer fogueiras son: Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz e Mera. No resto de praias e calas non estará permitido facer fogueiras para facilitar o servizo de limpeza. En calquera caso, nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20.00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4.00 horas.

- Nas praias non se poderá acceder con envases de vidro.

0.20112800598145