O Concello de Oleiros esixe á Xunta que realice canto antes o saneamento do porto no Lorbé

ACoruñaXa
Dende o Concello de Oleiros destacan que o saneamento portuario é unha competencia autonómica, xa que a Xunta é a propietaria do porto e a encargada do seu funcionamento
Imaxe aérea do porto de Lorbé (Oleiros)
26 Feb 2024

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, sinalou este luns que a Xunta de Galicia é quen ten que acometer o saneamento do Porto de Lorbé, xa que é unha infraestrutura autonómica.

Ademais, denunciou que o goberno autonómico está tardando moito en facelo, porque resulta unha obra sinxela toda vez que a tubaxe xa quedou posta baixo a capa de pavimento coa que recentemente se renovou o acceso.

Unha tubaxe, que lembran que foi introducida a instancias do Concello cando se comprobou que o proxecto preparado pola Xunta non a tiña contemplada, limitándose á intervención vial.

Dende o Concello de Oleiros destacan que o saneamento portuario é unha competencia autonómica, xa que a Xunta é a propietaria do porto e a encargada do seu funcionamento. O alcalde dixo que o Concello colaboraría no necesario, pero a iniciativa ten que tomala Portos de Galicia, o organismo autonómico encargado destas xestións.

Os traballos de saneamento consisten en incorporar un sistema de bombeo para que as augas residuais das instalacións para armadores, a depuradora, a cafetería e as poucas vivendas do lugar acaben conectadas á completa rede xeral que da servizo a todo o municipio, conducindo as augas á depuradora de Bens na Coruña.

0.15886807441711