O Concello de Oleiros e ASPANAES reforzan a súa colaboración
O Concello de Oleiros e a Asociación de Pais e Nais de Nenos do Espectro Autista (ASPANAES) acaban de asinar un convenio de colaboración polo cal o alumnado do Centro de Educación Especial de Elviña e do Centro de Día de Castelo, acudirán ao Viveiro Municipal da Carballeira para a realizar un programa de sensibilización e coidado do Medioambiente.
O alumnado do Centro de Educación Especial de Elviña e do Centro de Día de Castelo acoden un día á semana ao viveiro municipal e alí realizan diversas actividades que teñen por obxecto coñecer e sensibilizar no coidado das plantas. Os sentidos do tacto e sobre todo do olfacto son estimulados e producen un conxunto de sensacións que para as persoas con TEA que participan son totalmente novidosas e nunca antes experimentaron.
O Concello colabora coa posta a disposición das instalacións e do persoal necesario para o desenvolvemento da actividade tendo en conta que moitos dos usuarios de ASPANAES que participan da actividade son veciños/as de Oleiros ou dos concellos limítrofes.
ASPANAES aporta o desprazamento dos usuarios e todos os apoios visuais que estas persoas necesitan para o seu desenvolvemento social debido as dificultades que teñen de relación e comprensión.
Este convenio executouse debido ao éxito que tiveron as visitas que a finais do curso pasado realizaron os alumnos e alumnas do Centro de Educación Especial de Elviña e que lles serviu para coñecer as instalacións e o persoal (moitos deles alumnos/as do Obradoiro dual de emprego que actualmente se está impartindo).