O Concello de Oleiros denuncia que a Xunta avala prácticas militares no Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes

ACoruñaXa
O goberno local critica que o Plan de xestión do Monumento priorice os valores naturais sobre os patrimoniais e paisaxísticos
costa-dexo-serantes
17 Dec 2024

A Xunta de Galicia podería autorizar prácticas militares no Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes entre os meses de agosto e febreiro, argumentando que só afectarían á conservación dos hábitats naturais nese período. Esta decisión vai en contra da solicitude do Concello de Oleiros, que reclamara a prohibición destas actividades durante todo o ano para preservar o valor recreativo, paisaxístico e científico deste espazo protexido. O goberno local considera que estas prácticas bélicas son incompatibles co uso libre e pacífico do lugar pola cidadanía e que "depreciarían o seu valor como recurso turístico e cultural".

Das 38 alegacións presentadas polo Concello ao Plan de xestión, a Xunta aceptou 18, rexeitou 14 e admitiu parcialmente 6. Entre as aceptadas, inclúense a delimitación renovada do Monumento, a restrición do acceso ás furnas para fins exclusivamente científicos e a inclusión do sendeiro azul “Seixo Branco - Furnas”. Ademais, aceptouse a proposta municipal de promover a plantación de árbores autóctonas en detrimento do eucalipto e incrementar os fondos destinados a combater especies invasoras.

Con todo, o Concello lamenta que se rexeiten propostas clave como a regulación do impacto visual das plantacións de eucaliptos ou das talas de matarrasa, escudándose en que se elaborará un futuro Plan de acción da paisaxe. Tamén se negaron a recoñecer elementos etnográficos como as grúas de alzada das embarcacións do portiño de Dexo, así como a restauración ou eliminación de construcións abandonadas sen valor patrimonial. A Xunta tampouco aceptou a inclusión do topónimo “Serantes” na denominación oficial do Monumento, malia as peticións veciñais de coexistencia dos dous nomes parroquiais.

En canto ás actividades recreativas e económicas, aínda que a Xunta prohibe as competicións deportivas, mantén a práctica da escalada no Monte Meán e o marisqueo baixo autorización, ignorando a proposta municipal de protexer especies como o percebe, a mexilla e o mexillón. O Concello tamén solicitara unha posta en valor dos castros e baterías históricas do lugar, unha medida que tampouco foi recollida no plan, ao entender o goberno autonómico que a xestión debe centrarse nos valores naturais.

Para o Concello de Oleiros, o Plan de xestión do Monumento é insuficiente e evidencia unha falta de sensibilidade cara á protección integral dun espazo que combina riqueza natural, patrimonial e paisaxística. “Non se pode pretender conservar un espazo natural ignorando a súa dimensión histórica e cultural nin desprezando os usos que fan del os veciños e veciñas de Oleiros”, sinalaron fontes municipais.

 

⚙ Configurar cookies
0.57146000862122