O Concello de Oleiros critica o silencio de Costas ante as graves deficiencias na rexeneración da ría da Pasaxe
- O Concello de Oleiros sinalou hoxe que a intervención pública para a rexeneración da ría da Pasaxe deixou numerosos aspectos sen resolver, que están a xerar crecente malestar entre a veciñanza. A Dirección Xeral de Costas, responsable da obra, aínda non respondeu ás demandas do Concello para considerar a intervención satisfactoriamente rematada.
Unha das principais queixas do Concello e dos veciños é a falta de conexión peonil entre os distintos treitos do paseo marítimo entre Agramar e O Graxal. Segundo denuncian, a obra foi dada por concluída sen solucionar estas deficiencias, o que deixou zonas inaccesibles e impediu a continuidade peonil, tal e como se alertara desde o inicio da intervención.
Outro dos problemas destacados polo Concello é o estado das antigas zonas de baño próximas a Agramar e Beiramar, que foron deixadas en condicións lamentables. O que antes era un areal agora está cheo de obstáculos, pedras e raíces de grandes árbores, creando unha sensación de abandono e facendo imposible o uso recreativo destas áreas.
Ademais, veciños de Santa Cristina informaron que algúns dos areais máis produtivos da zona foron degradados e esquilmados durante a intervención, a pesar de que non presentaban problemas graves de contaminación. O Concello subliña que as zonas máis afectadas polo deterioro están no fondo da ría, onde durante décadas se depositaron residuos das antigas fábricas de Koipe e Cross.
O goberno local insta a Costas a actuar de inmediato para resolver estas deficiencias e recuperar a integridade das áreas afectadas pola intervención.