O Concello de Miño solicitará un préstamo para facer fronte ás sentenzas pola expropiación de Costa Miño
O Concello de Miño convocou para este xoves, 19 de setembro, un pleno extraordinario e urxente co fin de tramitar a solicitude dun préstamo dun millón de euros ao Ministerio de Facenda. Esta medida tómase tras recibir varias sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, que obrigan ao Concello a pagar 552.895,08 euros en concepto de principal e preto de 430.000 euros en intereses a expropiados polo proceso de expropiación forzosa do sector urbanizable residencial-deportivo Costa Miño, promovido no seu momento en beneficio de Fadesa Inmobiliaria.
Unha vez máis, o escándalo urbanístico de Costa Miño golpea as arcas municipais, afectando á estabilidade financeira do Concello, que o goberno local estaba a conseguir mellorar grazas a unha xestión responsable dos fondos públicos.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, agradeceu ao Ministerio de Facenda a posibilidade de financiarse a través deste tipo de préstamos, en lugar de recorrer a entidades financeiras privadas con condicións menos favorables. Lamentou tamén que o Concello se vexa novamente afectado por decisións urbanísticas do pasado, relacionadas co caso Costa Miño, e que agora teña que facer fronte a pagos substanciais de principal e intereses, poñendo en risco a estabilidade económica lograda ata o de agora.
Faraldo destacou que, aínda que non xeraron esta situación, é responsabilidade do goberno local atopar solucións. A solicitude deste préstamo, segundo indicou, é clave para protexer os recursos municipais e garantir que se cumpran as obrigas tanto cos expropiados como coa veciñanza de Miño. Tamén subliñou que, a pesar da carga que supón, non se pode permitir que o Concello retroceda nos avances conseguidos.
Ademais, quedan pendentes outras sentenzas relacionadas con máis de quince parcelas, que poderían elevar o importe total a cifras semellantes.
Finalmente, o alcalde lamentou ter que destinar recursos municipais a corrixir decisións erróneas do pasado, pero asegurou que a prioridade segue sendo manter os servizos públicos e as inversións en marcha para beneficio da veciñanza de Miño.