O Concello de Miño salda os pagos aos expropiados de Costa Miño e cancela parte da súa débeda bancaria

O Concello de Miño deu un paso importante para pechar unha das súas maiores cargas económicas herdadas ao aprobar nun pleno extraordinario unha modificación orzamentaria por valor de 1,4 millóns de euros. Este diñeiro destinarase a rematar de pagar aos propietarios expropiados na zona de Costa Miño e a amortizar unha parte significativa da débeda bancaria municipal.
Segundo os datos oficiais, o Concello conta cun superávit de máis de 1,4 millóns de euros e un remanente líquido de tesouraría superior aos 2,3 millóns, o que garante que estes pagos se realizarán sen afectar a estabilidade financeira do municipio.
Con esta medida, aboaranse preto de 923.000 euros correspondentes aos xustiprecios e aos intereses de demora aos expropiados do sector urbanizable residencial-deportivo Perbes–San Xoán de Vilanova, cumprindo as resolucións do Xurado de Expropiación de Galicia. Quedará pendente só unha pequena parcela cuxa resolución está en trámite.
Ademais, destinaranse máis de 486.000 euros á amortización anticipada da débeda bancaria, co que se reducirá a carga financeira futura do Concello.
Semanas atrás, o alcalde Manuel Vázquez Faraldo reuniuse cos afectados para explicarlles os procesos e prazos dos pagos, asegurando transparencia e seguridade xurídica.
Con esta medida, destaca o rexedor, “Miño pecha unha fenda económica que levaba demasiados anos aberta. Coa resolución desta débeda histórica e a redución da débeda bancaria municipal, iniciamos unha nova etapa de estabilidade, responsabilidade e solvencia para o noso Concello”. Ademais, engadiu que “con esta decisión faise finalmente xustiza coas persoas expropiadas, que levan máis de vinte anos agardando por uns cobros que lles correspondían por dereito”.