O Concello de Miño licita pola vía de urxencia o novo contrato do SAF para axilizar prazos e garantir a calidade asistencial

O Concello de Miño aprobou o inicio do expediente de contratación do novo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mediante tramitación urxente, co obxectivo de reducir prazos administrativos e acelerar ao máximo a incorporación dunha nova empresa prestadora.
O goberno local quere trasladar unha mensaxe de transparencia e realismo: aínda que esta vía simplifica o procedemento, o cambio de empresa non será inmediato, xa que deben cumprirse os prazos administrativos e legais establecidos pola Lei de Contratos do Sector Público para garantir a seguridade xurídica do proceso e o éxito da adxudicación.
Durante este período, a atención ás veciñas e veciños está garantida. A empresa actual ten a obriga legal de seguir prestando o servizo nas mesmas condicións técnicas, xurídicas e económicas ata que se formalice o novo contrato.
Para esta nova contratación, o Concello autorizou un gasto total de 1,2 millóns de euros, co fin de cubrir as modalidades de libre concorrencia e dependencia.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, sinala que “este movemento responde á nosa firme vontade de protexer os dereitos e a dignidade das persoas usuarias do SAF”. A decisión de impulsar a nova licitación baséase na acumulación de incidencias rexistradas desde a posta en marcha do servizo no mes de decembro e no incumprimento da obriga principal do contrato. Para evitar litixios longos que puidesen atrasar a solución, Concello e empresa mantiveron múltiples reunións que desembocaron nunha resolución do contrato de mutuo acordo, permitindo desbloquear a situación e licitar con maior celeridade.