O Concello de Miño impulsa unha nova edición do programa ‘Cociña Mariñeira’

ACoruñaXa
A iniciativa inclúe seis obradoiros formativos durante febreiro e marzo dirixidos ao sector hostaleiro e conta co apoio do GALP Ártabro Norte e dos fondos FEMPA
MIÑO cociña mariñeira
4 Feb 2026

O Concello de Miño presentou unha nova edición do programa ‘Cociña Mariñeira’, nun acto no que participaron o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo; o concelleiro delegado de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Xuventude, José Manuel Pantín Morado; o presidente do GALP Ártabro Norte e patrón maior da Confraría de Pescadores de Miño, José Antonio Anido Núñez; e o secretario da mesma entidade, Miguel Estévez Campos.

‘Cociña Mariñeira’ é unha iniciativa promovida polo Concello de Miño co obxectivo de poñer en valor os produtos do mar e reforzar a formación do sector da hostalaría local. O proxecto conta co apoio do GALP Ártabro Norte a través dos fondos FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).

O programa desenvolverase a través de seis obradoiros prácticos que terán lugar na Casa do Pescador de Miño durante os meses de febreiro e marzo. Neles abordarase o coñecemento dos produtos mariños, a súa correcta selección e as distintas técnicas culinarias para a súa elaboración, afondando tanto na tradición gastronómica mariñeira como na innovación na cociña, sempre desde o respecto polo produto local e de proximidade.

Con esta iniciativa preténdese contribuír á posta en valor da riqueza mariñeira da zona, reforzar a identidade gastronómica de Miño e promover unha cociña baseada na calidade, na sustentabilidade e no aproveitamento responsable dos recursos do mar.

O programa enmárcase no compromiso do Concello de Miño co desenvolvemento do sector hostaleiro, apostando pola formación continua como ferramenta clave para mellorar a competitividade dos establecementos, a calidade do servizo e o prestixio da gastronomía local. Con esta nova edición de ‘Cociña Mariñeira’, o Concello reafirma a súa aposta polo crecemento económico do municipio, a profesionalización do sector e a conservación da tradición culinaria mariñeira.

⚙ Configurar cookies
0.078184127807617