O Concello de Miño impulsa unha campaña para apoiar o comercio de proximidade

O Concello de Miño reforza o seu compromiso coa dinamización da economía local coa posta en marcha da campaña ‘Merca en Miño, no comercio local gañamos todos’. A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar que a veciñanza realice as súas compras nos establecementos do propio municipio, contribuíndo así ao mantemento e fortalecemento do comercio de proximidade.
Dentro desta acción promocional, o Concello difundiu un vídeo co que se pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de mercar en Miño, destacando o impacto positivo que este xesto ten na economía local e na vida diaria da vila.
Ademais, a campaña complétase coa instalación de catro paneis informativos en distintos puntos do municipio. Estes soportes inclúen un rueiro urbano no que se recollen todos os negocios que ofrecen atención ao público en Miño, facilitando a súa localización e aumentando a súa visibilidade tanto para veciños como para visitantes.