O Concello de Miño anuncia accións legais polos incumprimentos no Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Miño decidiu dar un paso máis ante a situación que atravesa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e iniciará medidas legais e administrativas co obxectivo de garantir a calidade da atención ás persoas usuarias. O goberno municipal amosa a súa fonda preocupación polo funcionamento do servizo desde o cambio recente da empresa concesionaria.
Desde o executivo local sinalan que o SAF é un recurso esencial para numerosas familias do municipio e subliñan que o Concello está a apoiar tanto ás persoas beneficiarias como ás traballadoras, que veñen denunciando problemas organizativos e de xestión.
Segundo explica o goberno miñés, a nova empresa comezou a prestar o servizo o pasado 18 de novembro, pero consideran que dispuxo de tempo suficiente para adaptarse ás condicións recollidas nos pregos do contrato. A pesar diso, o Concello asegura que persisten os incumprimentos e que a organización do servizo segue sendo deficiente, o que está a afectar directamente á atención dos usuarios.
Ante esta situación, desde a Administración local confirman que xa se puxeron en marcha os procedementos necesarios para depurar responsabilidades e aplicar as sancións correspondentes, aínda que recoñecen que se trata de trámites complexos e lentos. O obxectivo prioritario, insisten, é que o servizo recupere a normalidade canto antes e que a veciñanza de Miño conte cun SAF digno e de calidade.
O Concello tamén enmarca este conflito no modelo de xestión da Xunta de Galicia, que obriga aos concellos a asumir a prestación do servizo de axuda no fogar de maneira individual. Segundo o goberno local, esta fórmula supón unha importante carga económica e de persoal para os municipios, limitando a súa capacidade de actuación noutras áreas.