O Concello de Curtis remata o derrube dunha edificación en ruínas no Igrexario

ACoruñaXa
O inmoble, situado nas inmediacións da igrexa parroquial e da vía pública, representaba un risco para a seguridade
derrube-vivenda-igrexario-curtis
6 Jun 2026

O Concello de Curtis dá un novo paso na loita contra o feísmo e culmina o trámite de derruba dunha edificación en ruínas no lugar do Igrexario, na parroquia de Fisteus. Trala resolución municipal, o propietario procedeu á demolición do inmoble, emprazado nas inmediacións da igrexa de Fisteus e da vía pública, o que supuña un risco para a seguridade dos viandantes.

Coa execución dos traballos púxose fin a un proceso de tramitación administrativa iniciado en maio de 2023 e que culminou cunha aplicación garantista da Lei do Solo de Galicia. Os informes técnicos elaborados polos servizos municipais e da Deputación remataron concluíndo a declaración de ruína total do inmoble.

Estes documentos acabaron determinando que a edificación non presenta valores representativos da arquitectura popular galega, e que levaba como mínimo 19 anos sen reunir as condicións básicas para un inmoble das súas características. A cuberta xa presentaba zonas colapsadas en 2005, segundo a información recabada durante o procedemento.

O Concello de Curtis ten abertos catro expedientes de declaración de ruína en diferentes puntos do termo municipal. De acordo coa Lei do Solo de Galicia, corresponde ás persoas propietarias o deber de manter os inmobles e solares en adecuadas condicións de conservación, seguridade e salubridade.

Con este tipo de actuacións, o Concello reforza o seu compromiso pola mellora da imaxe do municipio, a seguridade da cidadanía e a protección dos espazos públicos e do patrimonio colectivo, fronte ao deterioro derivado do abandono de inmobles. Neste sentido, os trámites desenvólvense garantindo sempre tanto os dereitos do propietario como a rigorosa aplicación da lei.

0.1136200428009