O Concello de Curtis e Augas de Galicia estudan actuacións para recuperar a capacidade da presa do Mandeo

ACoruñaXa
O Concello mellorará o seu proxecto coas indicacións recibidas na xuntanza para formular unha proposta de actuación urxente
CURTIS encoro da castellana
17 Oct 2026

Representantes do Concello de Curtis reuníronse esta semana co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, para abordar a situación da presa da Castellana, no río Mandeo. Na xuntanza participaron tamén o presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro, Luis González, e persoal técnico.

Durante o encontro analizáronse as actuacións necesarias nesta infraestrutura. Entre elas figuran o dragado do encoro e o incremento da súa capacidade de almacenamento, así como outras intervencións para garantir o servizo de abastecemento de auga.

Como resultado da reunión, o Concello de Curtis matizará e mellorará a súa proposta, incorporando as indicacións trasladadas durante a xuntanza. A partir dese traballo, formularase unha proposta de actuación urxente para dar resposta á situación da presa.

A presa do río Mandeo é unha infraestrutura esencial para o abastecemento de auga ao polígono industrial de Teixeiro, pero leva décadas acumulando lodos e sedimentos que reduciron de forma notable o seu volume útil. Esta problemática púxose especialmente de manifesto durante o episodio de seca dos últimos meses, que levou á Xunta a declarar a prealerta por escaseza de auga na cunca do río Mandeo.

O pasado mes de setembro, os empresarios do polígono acordaron por unanimidade solicitar á Administración autonómica traballos de dragado, limpeza e aumento da capacidade da presa. O Concello de Curtis sumouse a esta petición, e a xuntanza con Augas de Galicia supón un paso máis para avanzar nesta demanda compartida.

0.1494619846344