O Concello de Curtis e a Asociación Amicos asinan un convenio de colaboración pioneiro pola inclusión social
O Concello de Curtis e a Asociación Amicos deron un paso adiante cara a inclusión social e a conservación ambiental coa sinatura do seu primeiro convenio de colaboración. Este acordo supón a cesión dunha parcela municipal á asociación, onde se desenvolverán labores forestais e actividades enfocadas á inserción sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social, así como programas de sensibilización medioambiental.
O acto de sinatura contou coa presenza do alcalde de Curtis, Javier Fco. Caínzos, e do director xeral do Grupo Amicos, Xoán España, acompañados polo coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Keltoi Cameán. Durante a reunión, destacouse a importancia desta colaboración, que persegue tres obxectivos principais: a rexeneración da parcela, a inclusión laboral de persoas con discapacidade e a sensibilización sobre o coidado do medio ambiente e a inclusión social.
Trala sinatura, o alcalde Caínzos subliñou que este acordo non só reforza o compromiso do concello coa inclusión social, senón que tamén impulsa a preservación dos espazos verdes do municipio e promove a sensibilización ambiental. "Este convenio de colaboración é unha mostra de como, sumando esforzos, podemos lograr un impacto positivo na nosa comunidade", afirmou.
Pola súa parte, o director xeral de Amicos, Xoán España, expresou a súa satisfacción pola alianza, esperando que se expanda no futuro. "Este é un exemplo de como as entidades públicas e privadas podemos colaborar para construír un futuro inclusivo e ecolóxico, onde todas as persoas, incluídas aquelas con discapacidade, teñen un papel activo e fundamental", comentou.
A asociación Amicos iniciará a finais deste ano os traballos de preparación e reforestación na finca situada en Gulpilleira. Estas accións incluirán a formación e inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión, a través das chamadas ‘Ecobrigadas’, equipos especializados en mantemento de espazos verdes e traballos forestais.
Ademais, a asociación planifica realizar actividades educativas con escolares, co obxectivo de concienciar á comunidade sobre a importancia da preservación ambiental e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual.