O Concello de Culleredo oferta actividades culturais esta semana como antesala do 25N
O Concello de Culleredo organiza unha semana cargada de actividades culturais para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A programación inclúe obradoiros, contacontos e dúas obras teatrais, con opcións pensadas para diferentes idades e públicos.
O Xoves 21 de novembro, as bibliotecas municipais serán o escenario das primeiras actividades:
- Na Biblioteca Miguel González Garcés de O Burgo desenvolverase o obradoiro creativo ‘Puntadas que rachan con estereotipos’, onde se personalizarán camisetas para promover a igualdade. Dirixido a mozos e mozas de entre 7 e 11 anos, terá lugar de 17:00 a 18:30 horas. A actividade require inscrición previa no 981 66 55 97 e é preciso levar unha camiseta branca.
- Na Biblioteca Cardeso Liñares de Vilaboa, celebrarase o contacontos ‘Os contos da dragona Ramona’, pensado para nenos e nenas a partir de 3 anos. A sesión comezará ás 17:30 horas e non precisa inscrición previa.
O Sábado 23 de novembro, o Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo acollerá a obra de teatro ‘Pepa loba’, da agrupación ourensá Coles Teatro, no marco do III Ciclo de Teatro Amador (CITA). A representación comezará ás 20:30 horas e contará con entrada gratuíta sen reserva previa.
E, o Domingo 24 de novembro, pechará a programación a obra ‘As vellas non deben namorarse’, de Teatro Airiños, unha adaptación contemporánea do clásico de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A representación, dirixida a público adulto, terá lugar no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples ás 19:00 horas. A entrada é gratuíta, pero require reserva previa no 981 66 55 97 ou presencialmente no Edificio de Servizos Múltiples, en horario de 16:00 a 21:00 horas.