O Concello de Culleredo interpón un recurso contencioso á aprobación da pegada sonora do aeroporto

ACoruñaXa
O alcalde avoga por defender os intereses dos afectados e garantir que poden exercer os seus dereitos
Imaxe do aeroporto da Coruña
21 Xuño 2024

O Concello de Culleredo presenta un recurso contencioso administrativo contra a aprobación das servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto de Alvedro. A denominada pegada sonora obtivo luz verde co Real Decreto 359/2024, publicado o pasado 20 de abril.

Neste sentido, o goberno local encargou un estudo sobre a viabilidade dunha acción xudicial a un despacho especializado. Coas súas conclusións, o Concello celebrou o pasado martes a Comisión Especial do Aeroporto á que asistiron os expertos, expoñendo as súas conclusións. Todos os grupos políticos concordaron na presentación do contencioso.

A acción xudicial fundamentarase en aspectos e criterios eminentemente técnicos. Por iso, o Concello, a pedimento da recomendación dos expertos, encargou xa a realización dun informe pericial que demostre os erros en que puidese incorrer a administración estatal ao definir as servidumes, o mapa estratéxico de ruído e o seu plan de acción asociado.

A zona de servidume acústica comprende o territorio da contorna do aeroporto delimitado exteriormente polas curvas de nivel correspondentes aos índices acústicos seguintes: período de día e de tarde, de 60 decibeis; e período de noite, de 50 decibeis. Son valores correspondentes ao predominio de chan residencial, conforme ao RD 1367/2007.

As variables para ter en conta para estimar os niveis son a configuración do aeroporto e o uso das pistas; as traxectorias de aterraxe e despegamento así como as dispersións respecto a o roteiro nominal; o número de operacións e composición da frota; e o clima modelización do terreo.

Froito do estudo realizado, constátase que a pegada sonora aprobada para Alvedro parte de dous escenarios de cálculo, que hai que contrastar cos datos do Plan Director recentemente aprobado. O primeiro é o escenario actual, que data de 2018, cun total de 17.551 operacións; e o segundo é o desenvolvemento previsible, que contempla un total de 20.100 operacións.

A análise que se efectuará abordará o modelo de simulación empregado para o cálculo da pegada sonora, así como os datos empregados conforme estes aspectos sinalados.

O alcalde, José Ramón Rioboo, avoga con esta medida por “seguir defendendo os intereses dos veciños e veciñas afectadas polo aeródromo”. O rexedor considera esencial que os propietarios poidan exercer os dereitos que lles corresponden.

O rexedor insiste na necesidade de asegurar unha convivencia coa infraestrutura e para iso “hai que poñer a atención nos veciños da contorna porque son os que máis impacto padecen “e por iso é preciso “procurar as medidas que lles protexan”.

O recurso presentouse fronte a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo, dado que se trata dun acto do Consello de Ministros. Únese ao que xa está en curso, con demanda formulada #ante a Audiencia Nacional, pola aprobación do Plan Director.

 

0.18049812316895