O Concello de Coirós alerta sobre a posible caída de varios postes de telefonía

ACoruñaXa
O Concello sinala que contactan repetidamente para solicitar a reparación dos tendidos sen resposta por parte de Movistar
Imaxe do poste en Santiago de Ois (Coirós)
20 Xul 2024

O Concello de Coirós esixe a reparación dun poste do tendido dunha liña de comunicacións que ameaza con caer e deixar sen servizo aos usuarios na parroquia de Santiago de Ois, ademais de supoñer un risco potencial de accidente. O poste comezou a perder a verticalidade hai unha semana, a distancia ao chan do cableado diminuíu considerablemente e esta semana un camión enredouse no cableado.

Días antes do incidente co vehículo, o Concello xa puxera en coñecemento de Movistar, propietaria da liña, a situación e solicitado a súa reparación coa maior brevidade, comentou esta mañá o concelleiro, Jorge Boado. Sen que ata o momento se procedese a corrixir a situación. Trátase dunha zona do municipio moi poboada, con moitos nenos de vacacións transitando polas inmediacións e que nuns días celebrará as festas patronais, o que aumentará o número de persoas expostas a sufrir algún percance, de non actuar antes a empresa responsable.

O edil tamén comenta que na parroquia de Lesa, nas inmediacións da igrexa, outra liña está en precario. Boado comentou: "Púxenme en contacto coa compañía de comunicacións o 12 de maio, volvín facelo en xuño e os cables seguen polo chan". O Concello espera que Movistar tome as medidas para repoñer a seguridade da instalación coa maior brevidade e así evitar danos maiores.

0.19905400276184