O Concello de Carral pide a Fomento a cesión dos dous tramos da antiga N-550 en Ponte Lago e Herves
O Concello de Carral celebrou hoxe, 15 de maio, un pleno extraordinario no que, entre outras cuestións, aprobou a presentación dunha solicitude a Fomento para a cesión de dous tramos na antiga N-550, á altura de Ponte Lago e Herves, para que pasen a ser de titularidade municipal.
Concretamente, trátase dos trazados comprendidos entre os puntos quilométricos 19+060 e 20+160 e os 20+960 e 21+660. A solicitude inclúe que o organismo estatal acometa unha serie de obras de mellora e acondicionamento co obxectivo de incrementar a seguridade vial nestes treitos.
Unha vez efectuada a cesión, o Concello pasaría a asumir e ser responsable dos labores de mantemento necesarios para o coidado das vías.
Cambio de localización da parada de taxis
Outro dos puntos tratados foi o cambio de localización temporal da parada de taxis de Carral con motivo da execución das obras na praza da Capela para pasala, exclusivamente durante o tempo que dure esta actuación, á Costa do Pincho 47-55. O punto quedou sobre a mesa.