O Concello de Cambre alerta dun intento de estafa relacionado co suministro de auga
O Concello recibiu, este venres pola mañá, o aviso dun particular que informaba de que uns individuos achegáronse ao seu domicilio, situado na parroquia de Sigrás, para realizar uns presuntos traballos de control de calidade da auga. Tras facer estes labores, os individuos advertían de que a auga non era apta para o uso doméstico. O veciño decidiu entón alertar desta situación ao Concello, que xa trasladou a información á Policía Local e á Garda Civil para que realicen as investigacións correspondentes.
Logo de consultar á empresa encargada da xestión de auga aclararon que ningún dos traballadores estivo detrás deste presunto control. Por tanto, desde o Concello solicítase aos veciños que extremen as precaucións e que avisen á Policía Local en caso de atoparse ante unha situación similar.
A Policía Local desprazouse á zona para facer as investigacións correspondentes e reforzará os controis para tentar pescudar máis información sobre estes feitos.