O Concello de Betanzos volverá pedir unha oficina permanente da Policía Nacional

ACoruñaXa
Trátase dunha demanda histórica que xa foi formulada en anteriores ocasións e que "continúa sendo unha necesidade para a capital da comarca"
RENOVAR DNI
4 Jul 2026

O Concello de Betanzos volverá solicitar ao Goberno que retome o proxecto para a implantación dunha oficina permanente da Policía Nacional na cidade, unha demanda histórica que xa foi formulada en anteriores ocasións e que continúa sendo unha necesidade para a capital da comarca.

A alcaldesa, María Barral, lembra que nos últimos anos se produciron avances, como a chegada das novas unidades móbiles de documentación (VIDOC), que permiten a expedición e renovación do DNI e do pasaporte sen necesidade de desprazarse á Coruña. Foi e é unha mellora moi positiva para a cidadanía, que facilitou o acceso a estes servizos públicos e achegou a Administración aos veciños e veciñas da comarca.

Porén, o goberno local considera que este servizo itinerante non pode substituír unha oficina permanente da Policía Nacional, capaz de prestar atención continuada e ampliar a carteira de servizos dispoñibles.

Betanzos exerce como cabeceira de comarca e presta servizos a milleiros de cidadáns de numerosos municipios da contorna. Esta realidade administrativa, comercial e xudicial fai necesario reforzar, segundo a rexedora, a presenza da Administración Xeral do Estado cunha oficina estable que permita realizar de forma habitual trámites relacionados coa documentación persoal, certificados, estranxeiría e outras xestións propias da Policía Nacional, evitando desprazamentos a outras cidades como A Coruña.

A alcaldesa subliña que “a implantación dunha oficina permanente suporía un importante avance na igualdade de acceso aos servizos públicos, especialmente para as persoas maiores, quen teñen dificultades de mobilidade ou quen dependen do transporte público para realizar xestións básicas”.

O Concello considera que a experiencia das unidades móbiles demostra a demanda existente e a utilidade de achegar estes servizos á cidadanía, polo que entende que chegou o momento de dar un paso máis e recuperar o proxecto para dotar a Betanzos dunha oficina permanente da Policía Nacional.

Por este motivo, o goberno municipal trasladará novamente esta petición á Delegación do Goberno e ao Ministerio do Interior, solicitando a apertura dun diálogo que permita estudar a implantación destas dependencias na cidade.

“A capitalidade comarcal de Betanzos e o volume de poboación ao que presta servizo xustifican plenamente esta demanda. Non pedimos un privilexio, senón que os veciños poidan acceder en igualdade de condicións a uns servizos públicos esenciais”, conclúe María Barral.

0.11945199966431