O Concello de Betanzos actuará nos vindeiros días sobre as cubertas de nichos do cemiterio municipal

O Concello de Betanzos ten previsto comezar proximamente uns traballos para renovar o tellado dos nichos situados no polígono 2 do cemiterio municipal. Con eles preténdese resolver un problema que se arrastra dende hai tempo: a entrada de auga no interior das sepulturas, que provoca humidade e condensación.
Segundo o proxecto redactado polo propio Concello, a obra terá un custo de 169.780,69 euros, co IVE xa incluído, e calcúlase que os traballos se prolongarán durante aproximadamente medio ano.
O problema ten a súa orixe no deseño actual destes bloques de nichos, rematados simplemente cunha laxe de formigón sen ningún tipo de protección fronte á choiva. O paso do tempo fixo que en numerosos puntos medrase vexetación, e que noutros se abrisen gretas que deixan pasar a auga cara ao interior. En total son 17 os bloques afectados nesta parte do camposanto, con catro ringleiras de nichos cada un.
Non é a primeira vez que o Concello afronta este tipo de problema: hai uns anos xa se actuou de forma semellante noutra zona do cemiterio, con resultados satisfactorios. Precisamente por iso, agora óptase por repetir a mesma fórmula no resto do polígono.
A intervención arrancará coa retirada da maleza, os cascotes e demais sucidade acumulada sobre as laxes. Unha vez limpa a superficie, colocarase enriba un novo tellado composto por varias capas de materiais. Por unha banda, placas onduladas de fibrocemento —sen amianto— que farán de barreira impermeable; por outra, unha capa exterior de tella cerámica curva en ton avermellado.
A superficie total a cubrir ronda os 1.534 metros cadrados. O Concello tamén acometerá os remates dos laterais e as cumbreiras, ademais dos puntos onde o novo tellado conecta coas paredes verticais, que quedarán protexidos con pintura impermeable e unha chapa de aluminio a xogo co ton da tella.
Tecnicamente, trátase dun sistema de cuberta ventilada que se coloca en seco, sen empregar morteiro, o que permite que o aire circule entre as capas e axuda a manter a raia a humidade. Os seus responsables destacan que este tipo de solución resulta moi duradeira e apenas require mantemento posterior. De feito, o Concello xa barall repetir a experiencia noutras zonas do camposanto unha vez finalizada esta primeira fase, coa idea de ir renovando o conxunto do recinto pouco a pouco.
Esta non é a única actuación que o Concello leva a cabo no cemiterio municipal, onde existen partidas orzamentarias destinadas ao seu mantemento continuo. Entre outras tarefas, vénse reparando o firme dos camiños interiores —corrixindo buratos e suprimindo barreiras arquitectónicas para mellorar o acceso— e realízanse labores de xardinaxe periódicas, como a poda dos emblemáticos teixos centenarios con forma cilíndrica, a retirada de maleza e a limpeza xeral con auga a presión. A isto súmanse outras melloras recentes, como a renovación da sinalización interior e as obras nas redes de abastecemento de auga e recollida de residuos do recinto.