O Concello de Bergondo levará a pleno a súa participación no POS+2026

O goberno local do Bergondo someterá a debate no pleno ordinario do próximo xoves, 29 de xaneiro, tres propostas vinculadas ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+), correspondentes ao exercicio 2026 e aos seus programas adicionais.
Un dos puntos será a ratificación da participación no POS+ Adicional 1/2026, destinado á financiación de gastos sociais extraordinarios. A través deste programa, o Concello recibirá 66.338,55 euros que se empregarán integramente en gasto corrente de carácter social ao longo de 2026. Estes fondos permitirán reforzar a atención ás necesidades sociais da veciñanza, dentro dunha previsión global de gasto social que supera o millón de euros, financiada maioritariamente con recursos propios e outras achegas públicas.
O pleno tamén analizará a adhesión ao POS+ Adicional 3/2026, enfocado á redución da débeda municipal coa Deputación derivada de préstamos provinciais anteriores. No caso de Bergondo, a asignación ascende a 99.507,83 euros que, ao non existir débeda pendente co ente provincial, se destinarán ao financiamento de gastos correntes asociados a servizos públicos, concretamente ao servizo de alumeado público.
Finalmente, levarase a aprobación a participación no POS+ 2026 na súa modalidade base, o principal plan provincial de investimentos locais. A asignación total para o municipio alcanza os 563.877,68 euros, sumando as achegas correspondentes a 2026 e 2025. Estes fondos permitirán executar dúas actuacións de especial relevancia: o proxecto de humanización, mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no viario da Praia de Gandarío, cun investimento total de 514.998,87 euros, dos cales 273.646 euros serán achegados pola Deputación; e o proxecto de pavimentación con aglomerado asfáltico, riego asfáltico, zahorra e formigón en distintas vías do termo municipal, cun orzamento de 490.189,56 euros, dos que 290.231 euros procederán de financiamento provincial.
Ademais, aprobarase o plan complementario de investimentos financeiramente sostibles para 2026, que inclúe a execución de novas beirarrúas na AC-214, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+220 e 0+454, na parroquia de Guísamo.