O Concello de Arteixo reúnese cos veciños de Suevos e Autoridade Portuaria
O Concello de Arteixo, a Autoridade Portuaria e a asociación de veciños San Gregorio de Suevos mantiveron esta semana unha reunión a tres bandas no Concello no que trataron diversos temas que afectan os veciños en relación coas infraestruturas que se están construíndo para mellorar a conectividade do Porto Exterior de Arteixo.
O punto máis urxente é a restitución de varias sendas peonís que substitúan á que se eliminaron recentemente debido ás obras do tren ao Porto Exterior de Arteixo. A Autoridade Portuaria xa mantivo conversacións coa empresa adxudicataria da obra do tren para que acometa as obras necesarias para recuperar, e mesmo mellorar, as sendas peonís preexistentes, e que por motivos técnicos tiveron que ser eliminadas temporalmente. A asociación de veciños agradeceu a boa disposición da Autoridade Portuaria para resolver este problema.
Durante a reunión tamén se tratou a necesidade de construír unha nova ligazón por estrada coa autovía do Porto Exterior de Arteixo. Tanto o concello como a asociación de veciños ven prioritario a construción dunha ligazón que elimine o tráfico pesado que atravesa a parroquia. Esta infraestrutura situaríase entre o campo de fútbol de Suevos e o novo acceso ferroviario. A competencia desta obra correspondería ao Estado.
Outro tema que se abordou dentro do clima de colaboración que sempre presidiron as reunións entre a asociación de veciños, o concello e a Autoridade Portuaria foi a posibilidade de que a Autoridade Portuaria colaborase no financiamento das melloras da denominada Fraga de Suevos para convertelo nun gran parque forestal.