O Concello de Arteixo pide aos veciños sen banda ancha que comuniquen a súa ubicación

ACoruñaXa
O obxectivo é catalizar todas as peticións e facelas chegar ao Goberno central para que aplique en Arteixo o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO)
Arteixo - Banda ancha
7 Feb 2024

O concello de Arteixo pide aos veciños que non poidan acceder á banda ancha a través dunha rede de datos de alta velocidade que manden a súa localización e un teléfono de contacto ao correo consumo@arteixo.org.

A idea é que o Concello catalice as peticións existentes e reúna a de veciños que non recibisen a información do Goberno Central ou das empresas de telecomunicacións ás que o Goberno encargou o plan. En Arteixo aínda hai zonas onde só teñen un acceso de 20 ou 30 megas, mentres o que se necesita na actualidade é un mínimo de 500 megas a través de fibra óptica.

As peticións que reúna o Concello serán trasladadas á Delegación de Goberno para que á súa vez as traslade á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais para que aplique en Arteixo o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO), que serve de marco para as diferentes convocatorias de fondos públicos que facilitarán a universalización do acceso á banda ancha ultra rápida e a extensión de 5G. Xa que o obxectivo deste plan do Goberno Central é alcanzar cobertura de banda ancha a 100 bps para o 100% da poboación en 2025, e é tamén un dos obxectivos na área da conectividade dixital, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e da Axenda España Dixital.

A primeira convocatoria do Programa UNICO-Banda Ancha, resolta en 2021 e que se está aplicando agora, concedeu axudas por valor de 250 millóns de euros, a maior dotación da historia dos programas de banda ancha. Segundo a información fornecida polo Goberno Central, os proxectos adxudicatarios permitirán levar a banda ancha a máis dun millón de fogares e empresas en 4.500 municipios.

0.15556287765503