O Concello de Arteixo iniciará a expropiación para a segunda fase de obras na estrada entre Suevos e A Coruña

ACoruñaXa
As novas obras, motivadas polos desprendementos do terreo, afectarán un tramo de 550 metros e contan cun orzamento base de 823.000 euros
Imaxe aerea da carreteira de Suevos
18 Xul 2024

O Concello de Arteixo abordou no pleno de hoxe a situación da estrada CM-001, que une Suevos e A Coruña pola costa. Debido ás cuantiosas choivas dos últimos meses e á inestable composición do subsuelo, a estrada leva sufrindo desprendementos nos taludes contiguos e gretas na propia calzada, o que provocou o seu corte.

Tras realizar unha obra de emerxencia nun dos tramos afectados, o Concello vese obrigado agora a acometer unha segunda fase de obras nun tramo contiguo polas mesmas razóns. O proceso comezará coa expropiación dos terreos necesarios para realizar o novo trazado da estrada e continuará cunha obra civil orzamentada en 823.000 euros, que será o orzamento base de licitación.

A obra servirá para desprazar o eixe da estrada cara ao interior da ladeira do monte uns 15,5 metros no seu punto máis afastado, nun tramo que ten 550 metros de lonxitude e que finaliza xusto no límite co concello da Coruña.

Anteriormente, en marzo de 2023, o Concello de Arteixo aprobou nun pleno municipal un modificado de crédito que incluía unha partida de 600.000 euros para acometer unha obra urxente na mesma estrada.

 

 

0.18411707878113