O Concello de Arteixo asumirá a titularidade dun treito da AC-552 ao paso por Lañas

ACoruñaXa
A Xunta aprobou o cambio de titularidade da vía, á altura do centro social, polo que o municipio pasará a encargarse da súa conservación e mantemento unha vez publicado o decreto no DOG
Imaxe aérea da AC-552
12 Nov 2026

O Concello de Arteixo asumirá a titularidade dun treito da estrada autonómica AC-552 ao paso polo centro social de Lañas. O Consello da Xunta aprobou o decreto que autoriza a transferencia do dominio público viario a favor da Administración local, que pasará a ter competencias para actuar nese ámbito e será responsable da súa conservación e mantemento.

Segundo a información facilitada polo Goberno galego, o tramo transferido sitúase na marxe dereita da AC-552, entre os puntos quilométricos 12+850 e 12+970. O cambio de titularidade tramítase ao abeiro da Lei de estradas de Galicia, que establece a aprobación mediante decreto da Xunta tras o acordo entre as administracións implicadas.

A partir desta transferencia, o Concello de Arteixo poderá asumir directamente as actuacións que correspondan nese treito, así como os labores necesarios para mantelo en condicións adecuadas.

O decreto terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que o cambio de titularidade aínda queda pendente dese trámite.

0.19523978233337