O Concello de Abegondo sitúa o período medio de pago a provedores en 6,37 días
O Concello de Abegondo celebrou no mediodía de onte, xoves 30 de maio, a sesión ordinaria do pleno da corporación. No órgano quedou aprobado un recoñecemento de créditos para o abono de facturas procedentes do exercicio de 2023, sendo o trámite administrativo correspondente.
A interventora explicou que a maioría de facturas proceden das subministracións de electricidade e telefonía, que polo elevado número non foi posible tramitar todas a tempo. As restantes, sinalou a habilitada, corresponden a provedores que presentaron as súas facturas en 2024 e por tanto é preciso o seu abono a través deste recoñecemento.
En total, o expediente ascende a 184.139,43 euros. O punto foi aprobado polos votos favorables do goberno local e as abstencións da oposición.
O alcalde, José Antonio Santiso, informou do período medio de pago a provedores no primeiro trimestre, sendo unha das dacións de conta incluídas na orde do día. O rexedor explicou que o período se situou no primeiro trimestre deste ano en 6,37 días, dos mellores valores en España e moi inferior aos 30 días de máximo que estipula a lexislación.
Mocións presentadas
No apartado de mocións, o BNG elevou un texto para rexeitar a planta de pasta de celulosa de Altri en Palas de Rei. O PSOE e o PP manifestaron que a moción non se refería a unha cuestión de Abegondo. Quedou rexeitada polo voto favorable do BNG, contrarios do PP e abstención do PSOE.
A segunda moción nacionalista quedou aprobada. Propuxo promover ao autoconsumo eléctrico en Abegondo. Contou co voto favorable do BNG e as abstencións do PP e do PSOE.