O Concello de Abegondo oferta actividades culturais e deportivas para a rapazada durante o verán
Os veciños de Abegondo dispoñerán dunha ampla oferta de actividades deportivas e culturais este verán. O Concello acaba de publicar o programa completo co obxectivo de facilitar un lecer formativo e propiciar a conciliación aos veciños.
O programa de conciliación municipal na aula Lúdica reúne cada ano a decenas de nenos e nenas de Abegondo. O Concello ofrece actividades a diario de 7.30 a 16.30 horas para atender as necesidades das familias. Funcionará desde o primeiro día non lectivo de xuño ata setembro.
No ámbito deportivo, a apertura da piscina municipal está prevista do 22 de xuño ao 8 de setembro. Ademais do uso recreativo, o Concello organiza cursos de natación por distintos grupos de idades. Haberá tamén visita ao Aquapark de Cerceda o 26 de xullo.
Neste sentido, os pequenos de Abegondo poderán acceder a campus de diversos deportes. Será o caso de fútbol, ximnasia rítmica, taekwondo, multideporte e a escola de hípica. Os adultos seguirán contando con roteiros de sendeirismo por Galicia, actividades fitness, ximnasio ou adestramento persoal.
A maiores, o Concello oferta unha actividade de reforzo de logopedia, mediante sesións individuais. A Biblioteca Municipal abrirá todas as mañás de verán. E segue vixente a oferta formativa da aula Mentor con máis de 200 cursos a distancia.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, explica que coa oferta de actividades proporciónase "un servizo esencial para os veciños" durante o verán. Destaca que as familias dispoñerán dunha atención continuada de 9 horas cada día do verán o que supón “un apoio fundamental para conciliar”.
A inscrición abrirase o próximo 1 de xuño, para máis información pode visitarse a páxina web do Concello.