O Concello de A Coruña reconstrúe a duna de Riazor tras os temporais de xaneiro

ACoruñaXa
Os servizos municipais aproveitan a baixada da alerta de vermella a amarela para recompoñer a barreira de area que protexe o paseo marítimo
A CORUÑA duna riazor
26 Jan 2026

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente, iniciou este luns os traballos para reparar e volver perfilar a duna de Riazor, danada polas fortes borrascas deste mes e, en especial, polo episodio de Ingrid da pasada fin de semana. A actuación execútase cunha retroescavadora de 30 toneladas e avanza ao abeiro da mellora das condicións meteorolóxicas, tras o descenso do nivel de alerta na costa.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, explicou que a previsión é completar a reconstrución da estrutura de area ao longo desta mesma semana, sempre condicionada polo estado do mar e do vento. Mentres persistan as xornadas de inestabilidade, os servizos municipais manteñen un retén en Riazor, con maquinaria dispoñible para facer axustes puntuais e retirar a area que poida chegar á beirarrúa e á calzada.

A duna de Riazor é unha barreira natural de protección que supera os dous metros de altura no seu punto máis elevado e que se instala e mantén durante a tempada de temporais para amortecer o impacto das ondas sobre o Paseo Marítimo. A súa primeira construción remóntase a 1995, como resposta a un temporal que derrubou parte da antiga balaustrada do paseo ao seu paso por este areal.

Segundo o calendario habitual, a barreira permanecerá en Riazor ata mediados de maio, momento no que se retira para deixar as praias listas de cara á tempada de baño, que comeza o 15 de xuño.

⚙ Configurar cookies
0.077640056610107