O Concello de A Coruña e Telpark lanzan bonos de aparcadoiro na Fábrica de Tabacos para impulsar o comercio nas rebaixas

ACoruñaXa
Do 7 ao 31 de xaneiro, habilítase unha tarifa especial de 12 horas por 1,99 euros con bonos Multipass, cun incentivo extra para a recarga de vehículos eléctricos
A CORUÑA parking fabrica tabacos
4 Jan 2026

O Concello de A Coruña e Telpark, concesionaria do aparcadoiro da Fábrica de Tabacos, veñen de pechar un acordo para activar unha campaña municipal de mobilidade comercial sostible coincidindo co período de rebaixas. O obxectivo é facilitar o acceso ao centro e, ao tempo, apoiar o comercio e a hostalaría local mediante condicións de estacionamento máis vantaxosas.

A iniciativa desenvolverase entre o 7 e o 31 de xaneiro e permitirá estacionar durante 12 horas por 1,99 euros no aparcadoiro da Fábrica de Tabacos a través de bonos Multipass, dispoñibles en modalidades de 5, 10 e 20 usos. Os pases, con validez dun ano, poderán mercarse na aplicación de Telpark e ofrecen entrada e saída automática coa lectura dixital da matrícula, evitando o tique e facendo máis áxil o proceso. Ademais, a persoa usuaria poderá cambiar a matrícula asociada ao bono desde a propia app.

Desde o Concello sinalan que a medida tamén busca reducir a conxestión de tráfico no centro urbano nestas datas. No caso da Fábrica de Tabacos, o aparcadoiro conta cunha capacidade de 620 prazas.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, indicou que 'agardamos que este proxecto piloto favoreza a utilización dos aparcadoiros a prezos asequibles' e destacou que se trata dunha colaboración público-privada pensada para 'dinamizar a economía local e favorecer a mobilidade sostible'.

Pola súa banda, o COO Off-Street de Telpark, Ignacio Merry del Val, subliñou que esta cooperación permite achegar 'solucións dixitais, accesibles e sostibles' que impactan na actividade económica e facilitan o acceso ao centro.

A campaña incorpora, ademais, un incentivo adicional: as persoas que merquen un bono Multipass dispoñerán dun 30% de desconto na recarga de vehículos eléctricos, aplicable en aparcadoiros Telpark con puntos de recarga en toda España ata o 30 de xuño.

⚙ Configurar cookies
0.077664136886597