O Concello de A Coruña creará un selo do 'Comercio Local Histórico' tras unha moción do BNG aprobada por unanimidade

O Pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade unha moción do BNG de apoio ao pequeno comercio e á artesanía locais que inclúe a creación dun distintivo específico para recoñecer o 'Comercio Local Histórico' da cidade. A proposta, defendida polo concelleiro nacionalista David Soto, foi recollida no propio debate polo Goberno municipal, que anunciou a súa materialización neste mandato.
O portavoz do Executivo local e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, avanzou que o Concello promoverá a creación deste selo distintivo co obxectivo de promocionar e poñer en valor os negocios con traxectoria e arraigo na Coruña. Lage enmarcou a medida nas liñas de colaboración do Goberno local co tecido emprendedor e o pequeno comercio, citando campañas informativas e a continuidade da programación de mercados ecolóxicos e sostibles ao longo do ano nos barrios. Segundo indicou, en 2025 celebráronse 34 mercados ao aire libre en espazos como o Campo da Leña ou a praza da Tolerancia, cunha estimación de 22.000 visitantes.
No debate, Soto criticou que o recente mercadiño de Nadal, sobre o que se xeraran altas expectativas, rematase sen presenza destacada do pequeno comercio e da artesanía locais. O edil nacionalista amosou a disposición do BNG a achegar propostas para reformular ese evento no futuro.
A moción aprobada tamén insta, entre outras cuestións, a promover que o Mercado de Santo Agostiño obteña o distintivo de Mercado Excelente de Galiza, a elaborar (en colaboración coas asociacións de comerciantes) un directorio en liña do comercio local e a deseñar campañas periódicas de promoción das tendas coruñesas.