O Concello da Coruña, Xunta e Estado asinan un protocolo para impulsar a reordenación da fachada marítima

ACoruñaXa
A comisión Coruña Marítima será o organismo de coordinación a través do que se definirán os novos usos portuarios e urbanos dos peiraos interiores
Imaxe da reunión celebrada este mércores en María Pita
Imaxe da reunión celebrada este mércores en María Pita
22 Maio 2024

O Concello, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes, Puertos del Estado, Adif e a Autoridad Portuaria de A Coruña asinaron esta mañá de mércores un protocolo de colaboración para abrir unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a reordenación dos espazos portuarios interiores da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano; o presidente de Puertos del Estado, Álvaro Rodríguez; o presidente de Adif, Ángel Contreras, e o presidente da Autoridad Portuaria de A Coruña, Martín Fernández Prado, foron os asinantes do documento en representación de cada unha das administracións implicadas.

O novo protocolo subscrito esta mañá en María Pita establece un novo marco de entendemento para abordar a integración dos peiraos interiores na nova fachada marítima da Coruña, asumindo tamén as necesidades financeiras da Autoridade Portuaria, así como o traslado e reposición da Terminal Ferroviaria de Mercancías de San Diego e o mantemento de actividades portuarias nos peiraos. “Ábrese unha etapa de frutífera colaboración e cooperación administrativa, de entendemento institucional, na transformación e reordenación urbanística dunha boa parte dos espazos portuarios interiores, que pode xerar un amplo beneficio económico para a propia Autoridade Portuaria e un gran beneficio social para a cidadanía”, indica o documento.

Todas as administracións acordaron consensuar un novo marco xurídico que supera os convenios de 2004 e están de acordo en considerar que a reordenación da fachada deberá basearse na titularidade pública dos espazos como principio reitor básico para garantir a accesibilidade cidadá aos terreos, e que iso é compatible coa necesidade de xerar recursos coa autoridade portuaria.

As partes acordaron traballar de modo conxunto para establecer un cronograma que marque os pasos que cómpre dar na transformación portuaria.

Todos os traballos se coordinarán a través dunha comisión, denominada Coruña Marítima, designada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa presidencia ostentaraa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dela formarán parte as persoas representantes que designen as administracións asinantes do protocolo, así como integrantes dos partidos con representación municipal.

A dita comisión abordará a integración do porto na totalidade da súa superficie, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, establecendo as prioridades, o cronograma e os usos en cada unha das zonas e establecendo a folla de ruta necesaria para a reordenación dos espazos.

0.17253804206848