O Concello da Coruña rendeu homenaxe ás cantareiras

ACoruñaXa
Inés Rey fixo entrega de tres placas a familiares e achegados de Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García,Prudencia Garrido e Asunción Garrido
letras-galegas-a-coruña
Homenaxe ás cantareiras na Coruña
17 May 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este venres o acto institucional organizado polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, que a Real Academia Galega dedica ás cantareiras e personifica en sete mulleres con vínculos na cidade: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. Neste acto, celebrado na praza de María Pita, participaron familiares e achegados das cantareiras homenaxeadas, membros da corporación municipal, doutras institucións e representantes do tecido cultural e asociativo da cidade.

“Na véspera dese día tan especial, celebramos na Coruña este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva a través da música”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey. Para que o legado coruñés destas mulleres perdure nas rúas da cidade, Rey anunciou que se colocarán tres placas conmemorativas en espazos representativos da súa estadía na urbe. A placa que lembra a Rosa e Adolfina Casás estará colocada no número 22 de Alcalde Lens, onde Rosa residiu nos seus anos na cidade. No caso de Eva Castiñeira, a placa situarase no cemiterio de San Pedro de Visma. Por último, as Pandeireteiras de Mens (Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido) terán o seu recordo no número 2 da praza de María Pita, onde ensaiaban a diario coa Asociación Folclórica Aturuxo.

“A tradición e a literatura oral debe perdurar, e por iso quero poñer en valor o traballo que se fai a diario nas asociacións e agrupacións de cultura galega que temos na cidade, xa sexa nos seus locais de ensaio, en Eirís, en Santa Margarida ou sobre as táboas dos escenarios da cidade”, dixo a alcaldesa durante a súa intervención. No acto tomaron a palabra tamén Juan José Alvite Castiñeira, fillo de Eva Castiñeira, Carlos García Casás, familiar de Adolfina e Rosa Casás, e Isabel García Quintela, presidenta de Aturuxo.

Ademais, houbo unha actuación musical a cargo de pandeireteiras da Asociación Cultural Donaire e o gaiteiro Álex Ruíz, de Contiños da Feira, interpretou o Himno de Galicia.
A alcaldesa animou, neste acto aberto á cidadanía, a participar na programación das Letras Galegas organizada polo Concello, que da comezo este venres e celebrarase en diferentes espazos da cidade, con actuacións musicais, artes escénicas, pasarrúas e coloquios. “Esta fin de semana celebraremos o traballo das asociacións de cultura galega por todo o alto, coa mellor programación das Letras que se fixo nunca na cidade”, dixo Inés Rey.

⚙ Configurar cookies
0.13020610809326