O Concello da Coruña reforza o servizo de BiciCoruña con novas bases no Ensanche e Pescaría

ACoruñaXa
Tamén esta semana instaláronse tres novas bases no barrio dos Mallos, concretamente na rúa Eusebio da Guarda e preto do centro cívico, así como en Monte Alto
A CORUÑA bicicoruña
5 Dec 2025

O Concello da Coruña reforza o servizo municipal BiciCoruña coa incorporación de dúas novas estacións nos barrios do Ensanche e a Pescaría. Ademais, este xoves púxose en marcha a primeira base no barrio de San Pedro de Visma, xa dispoñible para as persoas usuarias desde esta mañá.

Estas accións forman parte dun plan de expansión impulsado polo Goberno de Inés Rey, que busca ampliar a rede de bases en todos os distritos da cidade para facilitar o uso de medios de transporte alternativos e con cero emisións.

Ao longo desta semana xa se instalaron tres novas bases no barrio dos Mallos, concretamente na rúa Eusebio da Guarda e preto do centro cívico, así como en Monte Alto, xunto ao mercado municipal. Estas estacións estarán operativas proximamente, unha vez rematadas as probas técnicas correspondentes.

Xa este xoves, o Concello colocou outras dúas estacións nos barrios do Ensanche, na rúa Alfredo Vicenti, e na Pescaría, na rúa Cordelería, aumentando a capacidade nestas zonas con alta demanda, sobre todo por persoas que usan BiciCoruña para desprazamentos laborais.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que para instalar a base en San Pedro de Visma “foi preciso executar previamente unha obra civil de adecuación no lugar de Entrecasas, para dispor a base na localización escollida”. Ademais, engadiu que tamén se realizaran as tarefas de acometida eléctrica, testeo do software, pintado e sinalización horizontal necesarias para garantir o correcto funcionamento da estación. “Agora, a base xa está lista para que as persoas usuarias fagan uso dela”, concluíu Díaz.

⚙ Configurar cookies
0.10226392745972