O Concello da Coruña recuperará o Miradoiro de Santo Amaro

ACoruñaXa
Renovaranse o pavimento e os pasamáns e instalarase un panel informativo sobre a historia da pasarela como antiga estrutura de canteira
Imaxe do Miradoiro de San Amaro na Coruña (1)
28 Mar 2024

O Goberno local da Coruña acometerá diversas melloras no Miradoiro de Santo Amaro co obxectivo de acondicionar o espazo e facelo máis accesible á cidadanía. A reforma súmase a outras actuacións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para mellorar os espazos de lecer de carácter turístico, como a renovación do Miradoiro de Bens ou a creación do Miradoiro dos Castros.

Inicialmente destinada á extracción de pedra da canteira localizada na zona, a estrutura de formigón de Santo Amaro, situada nas contornas da praia de Santo Amaro, no barrio de Durmideiras, foi posteriormente reutilizada como unha pasarela peonil sobre o mar. Tras a retirada das antigas vías e a instalación dun novo pavimento, a vella estrutura foi transformada nun miradoiro de interese turístico.

Pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas e pola proximidade ao medio marítimo, o miradoiro presenta diversos defectos no pavimento da pasarela así como dificultades de accesibilidade, e permanece pechado na actualidade por cuestións de seguridade. Para o seu arranxo, o Concello levará a cabo a retirada completa do pavimento así como da subestrutura sobre a que se sustenta, que será totalmente renovada.

No caso do pavimento, o obxectivo é aproveitar entre o 75% e o 80% da superficie das táboas que o conforman mediante a súa restauración en taller, seguindo os principios de reciclaxe, reutilización e a xeración mínima de residuos. Unha vez instalado, procederase á súa limpeza e aplicación dun tratamento especial para o aspecto e protección da madeira. Ademais, tamén se restaurarán os pasamáns de madeira do mesmo xeito que o pavimento e instalarase no acceso á pasarela un cartel divulgativo con información histórica da praia de Santo Amaro e a antiga canteira que alí existía.

O proxecto conta cun orzamento de máis de 20.000 euros financiados ao 90% con fondos Next Generation, no marco da liña de axudas concedidas por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e fomentar o turismo inclusivo no litoral.

0.18914794921875