O Concello da Coruña presenta a programación do Día da Muller
O Concello da Coruña ven de presentar a programación especial da cidade con motivo da celebración do Día Internacional da Muller (8M) que traerá á cidade unha ampla gamas de actividades durante todo o mes de marzo.
Baixo o lema ‘Imparables’, a responsable da Área de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, presentou este luns as diversas actividades das que poderán os coruñeses durante o mes de marzo. A palabra escollida reflicte “o convencemento de que nada nin ninguén vai facer que as mulleres retrocedamos en dereitos”, dixo Neira. “Xuntas seguiremos avanzando cara á igualdade real e efectiva en todos os ámbitos e só poderemos logralo co compromiso de toda a sociedade”, sinalou a concelleira.
Dentro do marco do 8M, o centro comercial Marineda City cotará cun punto violeta impulsado polo propio centro comercial e creado co asesoramento das técnicas de Igualdade do Concello. A concelleira destacou que esta iniciativa é un “exemplo de colaboración entre unha institución pública e unha empresa privada para poñer en marcha iniciativas de impacto social ante un problema que nos afecta a todos, como é o da violencia machista”. Neste sentido, os puntos violeta centrarán tamén os talleres educativos que levarán a cabo durante todo este mes en distintos centros escolares da cidade.
Actividades durante todo o mes de marzo
Dentro das actividades programadas para este ano destacan os 'Roteiros en feminino'. Trátase de itinerarios guiados por tres núcleos históricos clave da cidade: os xardíns do Ensanche e a Mariña; a Cidade Vella e a Pescaría. As rutas servirán para coñecer mellor a vida e a obra de mulleres que deixaron pegada na nosa historia e no noso rueiro, e están programadas para os días 6, 7 e 8 de marzo. A inscrición pódese realizar nos centros cívicos.
O venres 8 abre na Casa Museo Casares Quiroga a exposición 'Imparables', da escritora e debuxante arxentina Diana Raznovich, que reflicte nas súas viñetas situacións cotiás nas que reflexiona con ironía sobre o papel das mulleres na nosa sociedade. A exposición estará aberta ata o 31 de marzo.
Ademais, este ano, e por primeira vez desde a súa apertura, o espazo xuvenil das naves do Metrosidero súmase ás actividades do 8-M. O xoves 7 haberá un taller para elaborar carteis e mensaxes e o sábado 9 un formato 'Pasapalabra' con definicións relacionadas coa igualdade de xénero. Ambas as actividades están programadas ás 18.00 horas.
Tamén, as artes escénicas terán presenza coa obra teatral 'A nena de ninguén', o día 8 de marzo no Fórum Metropolitano, que tamén acollerá o ciclo de cinema 'Retrincos de muller'. Cómpre lembrar, a maiores, que ata o día 9 continúa nas salas dos Cantóns a segunda edición do Festival Cinema por Mulleres.
Por último, a programación municipal inclúe tamén actividades deportivas, como a xornada de portas abertas do rocódromo de Riazor que terá lugar o venres 8 de marzo e a tradicional carreira popular da Torre de Hércules, un evento incluído no circuíto Coruña Corre, que inclúe novamente unha andaina solidaria que se realizará o 23 de marzo.