O Concello da Coruña outorga os XXXIX premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación

O xurado dos XXXIX Premios Prisma Casa das Ciencias á Divulgación, impulsados polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses, deu a coñecer os traballos gañadores desta edición, que recoñece iniciativas de diferentes ámbitos vinculados á divulgación científica, como o xornalismo, a literatura, o audiovisual ou a innovación.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a consolidación destes premios na cidade e sinalou que o Goberno de Inés Rey mantivo e reforzou a iniciativa coa intención de incentivar e recoñecer a excelencia, así como de promover novas ideas e formas de achegar a ciencia á sociedade.
Entre os galardoados cos Prismas de Bronce figura, na categoría de Mellor traballo en vídeo, La luz con el tiempo dentro, de Elena Alonso Redondo, Luis Gómez Juanes e Paloma Banderas Bielicka, recoñecido pola súa capacidade para facer accesible e emocionante un fenómeno físico de gran complexidade sen deixar de lado a dimensión humana da investigación científica.
O premio ao Mellor traballo en novos medios foi para a canle de YouTube Cuarentaydos, de José Luis Oltra Calatayud, pola calidade, creatividade e dinamismo da súa produción divulgativa. Na categoría de Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano, o galardón recaeu en Del cloro a la diversidad, de Bárbara Martínez Escrich e Mónica López Martínez, do Instituto Municipal de Gestión Medioambiental-Real Jardín Botánico de Córdoba, pola súa orixinalidade e marcado carácter didáctico.
O xurado tamén premiou como Mellor artigo xornalístico ChatGPT no pasa la prueba: así pone en peligro la vida de los menores, de Isabel Rubio Arroyo, publicado en El País, pola análise realizada a través da experimentación directa e das achegas de fontes expertas sobre os riscos asociados á falta de controis efectivos na tecnoloxía ao alcance dos menores.
Na categoría de Mellor traballo en radio, o Prisma foi para Calvet en bicicleta, de Manuel Vicente García, César Martínez Pérez e Rosa Pedrido Castiñeiras, pola utilización das posibilidades dunha experiencia estética sonora integral. O premio ao Mellor proxecto singular foi para #LaCienciaDel100, de Navarrabiomed-Fundación Miguel Servet, por propoñer unha experiencia innovadora de divulgación científica e trasladala ao ámbito dixital.
O galardón ao Mellor libro editado correspondeu a Viaje al planeta de los insectos, de Chema Catarineu para Tundra Ediciones, pola utilización dos insectos como vía para abordar conceptos máis amplos e polo emprego do humor e dos recursos visuais para espertar a curiosidade das lectoras e lectores.
Ademais, o xurado acordou conceder o Prisma Especial do Xurado a Desgranando Ciencia, en recoñecemento á traxectoria dun evento que combina diferentes fórmulas de divulgación científica e fomenta a participación cidadá.
Nesta edición tamén se concederon dúas mencións honoríficas. Na categoría de vídeo foi recoñecido O camiño de cova Eirós, de José González Varela, mentres que na modalidade de radio a mención foi para Vis a vis con la ciencia, do Museo Nacional de Ciencias Naturales.
Os Premios Prisma, promovidos polos Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña, teñen como obxectivo potenciar a difusión da cultura científica en España e apoiar os profesionais que desenvolven o seu labor neste ámbito.
O xurado desta XXXIX edición estivo presidido pola xornalista científica Rocío Benavente, adxunta á dirección da Fundación Maldita, mentres que Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, exerceu como secretario. Como vogais participaron Gemma del Caño, farmacéutica especialista en industria alimentaria e divulgadora científica; Yolanda Golías, profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade da Coruña; e Diego Ortega, profesor de Didáctica da Expresión Plástica da Universidade de Jaén e ilustrador científico.