O Concello da Coruña ofrece visitas guiadas e conferencias para descubrir as mansións do século XVIII da Coruña
O Concello da Coruña, a través da Rede de Bibliotecas Municipais, organizará en outubro unha serie de actividades centradas nas mansións do século XVIII da cidade. Esta iniciativa, que forma parte do programa municipal "Ando na Coruña", inclúe conferencias e visitas guiadas polas xoias arquitectónicas máis destacadas da época, coa colaboración do catedrático Alfredo Vigo Trasancos, membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
Baixo o título "A Coruña das mansións do século XVIII", a actividade dividirase en tres sesións. A primeira terá lugar o 9 de outubro ás 18:00 horas, cando Vigo Trasancos ofrecerá unha conferencia e entregará un dosier informativo aos asistentes, detallando a evolución histórica e arquitectónica de edificios emblemáticos como o palacio de Zuazo Mondragón, a Casa Cornide, a Casa Paredes, a antiga alfándega (hoxe Subdelegación do Goberno), a casa de José Ramos e a Capitanía Marítima.
A segunda sesión, prevista para o 16 de outubro á mesma hora, ofrecerá unha exposición interactiva na que o público poderá compartir inquietudes e preguntas sobre o tema tratado.
A última sesión, programada para o 23 de outubro, consistirá nunha visita guiada polos seis edificios estudados, situados en barrios históricos como a Cidade Vella e a Pescaría. Esta visita permitirá ás e aos participantes coñecer de preto a evolución arquitectónica e urbanística da cidade.
O principal obxectivo desta iniciativa é divulgar o patrimonio histórico e achegar á cidadanía o valor arquitectónico das mansións que definiron unha parte importante da identidade urbana da Coruña durante o século XVIII.
Para participar nas actividades, que son de balde, será necesario inscribirse previamente a través da web do Concello. O prazo de inscrición abrirase o 2 de outubro e haberá un límite de 20 prazas. Para máis información, pódese contactar coa Biblioteca de Estudos Locais ou chamando ao 981 184 386.