O Concello da Coruña inviste máis de 180.000 euros na mellora da cuberta da Casa das Ciencias
O Concello da Coruña destinou máis de 180.000 euros a renovar e mellorar o sistema de impermeabilización da cuberta e a terraza superior da Casa das Ciencias, situada no parque de Santa Margarida. As obras céntranse nos puntos máis expostos á erosión e ao deterioro, buscando garantir a conservación deste emblemático museo, que o vindeiro ano cumprirá 40 anos.
As intervencións inclúen a limpeza integral da cuberta e da terraza con auga a presión, seguida da aplicación dunha membrana líquida de poliuretano para impermeabilizar as superficies e reforzar as xuntas fronte ás filtracións de auga. Tamén se pintarán a escaleira de caracol e as varandas da terraza con esmalte sintético especial.
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacaron que esta actuación busca mellorar as condicións do edificio e facelo máis confortable para os visitantes, consolidando a Casa das Ciencias como un referente en divulgación científica na cidade.