O Concello da Coruña investirá en mellorar a accesibilidade na contorna de Alfonso Molina

O Concello da Coruña levará a cabo unha importante intervención de mellora da accesibilidade na confluencia da avenida Alfonso Molina coa avenida Linares Rivas. Os traballos, cun investimento superior aos 150.000 euros, centraranse no itinerario peonil que conecta as rúas Fernández Latorre, José Cornide e Ramón de la Sagra, unha zona de alta densidade de tránsito peonil.
A actuación contempla a reurbanización completa deste tramo, comezando coa renovación dos colectores da rede municipal de saneamento. Unha vez finalizada esta fase, procederase á instalación dun novo pavimento nas beirarrúas con materiais máis resistentes e baldosas diferenciadas para favorecer a mobilidade das persoas con discapacidade visual ou con mobilidade reducida.
Entre as novidades máis destacadas atópase a substitución dos bolardos actuais por un parterre axardinado que incluirá a plantación de novos exemplares de arboredo. Esta medida pretende dotar de máis vexetación unha área que ata o de agora carecía dela.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou que con esta obra “amosamos que é posible mellorar moitos espazos públicos da cidade apostando por reverdecelos”. Ademais, sinalou que “polo intenso fluxo de mobilidade de persoas viandantes que hai a un lado e a outro do paso peonil, entendemos que é importante gañar espazos con máis frescor”.
A intervención enmárcase dentro do plan de melloras viarias que o Goberno de Inés Rey está a desenvolver en todos os barrios da cidade. A plantación dos novos árbores realizarase na beira de Alfonso Molina en sentido entrada a Linares Rivas. “Xa que ao non haber garaxes ou vaos, a súa disposición non é un obstáculo, como si podería pasar na outra beira”, explicou Díaz.
Por outra banda, a actuación tamén incorporará unha mellora clave en materia de seguridade viaria: a elevación do paso de peóns entre Fernández Latorre, José Cornide e Ramón de la Sagra, co obxectivo de contribuír ao calmado do tráfico nun dos principais accesos e saídas da cidade.
O inicio das obras está previsto para finais de agosto ou principios de setembro, unha vez que a Dirección Xeral de Patrimonio autorizou o proxecto de control arqueolóxico, debido á proximidade da antiga localización da ermida de Santa Lucía, situada na intersección entre Alfonso Molina e Fernández Latorre.