O Concello da Coruña impulsa un programa pioneiro de asesoramento para persoas arrendatarias

ACoruñaXa
A nova iniciativa busca facilitar o acceso á vivenda e axudar ás persoas que teñen dificultades para atopar alugueiros a prezos accesible
Laje Tuñas na Xunta do Goberno local
2 Oct 2024

A Xunta de Goberno Local da Coruña vén de aprobar este mércores o primeiro programa de asesoramento ás persoas arrendatarias, unha medida cofinanciada polo Concello e xestionada pola Empresa Municipal de Vivenda e Servizos (EMVSA). Este novo servizo estará operativo antes de que remate o ano, coa intención de mellorar o acceso a vivendas de alugueiro e axudar á veciñanza nas dificultades actuais co mercado inmobiliario.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou que esta iniciativa responde a unha realidade que afecta non só á Coruña, senón a moitos concellos galegos e españois, onde o aumento dos prezos do alugueiro dificultou o acceso a unha vivenda digna. "Queremos empregar todas as ferramentas ao noso alcance para garantir este dereito fundamental", afirmou Lage.

Este programa permitirá asesorar ás persoas que estean en proceso de alugar unha vivenda ou xa sexan arrendatarias, proporcionándolles información sobre as axudas dispoñibles, os dereitos e obrigas nos contratos de alugueiro, así como o apoio en situacións legais ou imprevistos como desafiuzamentos. Tamén incluirá atención específica a colectivos vulnerables, como persoas con discapacidade.

Plan estratéxico de subvencións 2024-2026

A sesión da Xunta de Goberno Local tamén serviu para dar luz verde ao Plan estratéxico de subvencións 2024-2026, que establecerá as bases para apoiar o tecido asociativo da cidade nos próximos anos. Entre as prioridades destacan a creación de emprego, o benestar social, as políticas de vivenda e a promoción de iniciativas culturais e deportivas.

José Manuel Lage subliñou que o plan atenderá especialmente as situacións de emerxencia social, como as axudas de emerxencia ou a Renda Social Municipal, para garantir a protección dos sectores máis vulnerables.

Outro dos puntos aprobados foi a execución dun proxecto para a mellora da recollida de augas pluviais na urbanización Breogán, con fondos procedentes da Deputación. O Concello tamén destacou a concesión de varias licenzas urbanísticas, entre as que se inclúe a instalación dun novo ascensor no Centro Oncolóxico.

Retrasos nas obras do novo Chuac

Por outra banda, o voceiro municipal, José Manuel Lage, lamentou os continuos atrasos nas obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Aínda que o Concello asumiu parte dos custos das infraestruturas, o concelleiro denunciou que a Xunta de Galicia non iniciou os traballos previstos para o ano 2023.

Lage lembrou que, segundo o convenio asinado entre ambas as administracións, o Concello destinou unha partida de 8 millóns de euros para financiar os accesos ao Chuac, mais eses fondos continúan sen utilizarse debido á falta de avances nas obras. "Non podemos seguir agardando. Esta demora está a prexudicar non só a execución orzamentaria, senón tamén unha infraestrutura esencial para toda a comarca", afirmou Lage.

0.15690493583679