O Concello da Coruña impulsa melloras na rede de saneamento de Castro de Elviña e na Urbanización Breogán

O Concello da Coruña continúa avanzando no seu plan de renovación da rede de saneamento municipal con novas intervencións previstas nos núcleos residenciais de Castro de Elviña e na Urbanización Breogán. A inversión conxunta nestas actuacións achégase aos 850.000 euros.
Ambas as obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas, cun importe de 667.995 euros para Castro de Elviña e 181.546 euros para a Urbanización Breogán.
A maior parte do orzamento estará destinada á renovación e mellora das infraestruturas nas rúas Pena do Cuco, Canedo, O Picho e A Fraga, situadas en Castro de Elviña. Nesta zona, substituirase a actual rede de sumidoiros e instalarase unha nova rede separativa para a recollida de augas pluviais, o que suporá un avance importante no saneamento da área.
Por outra banda, na Urbanización Breogán construiráse unha rede específica para a recollida de augas pluviais nas rúas Vicente Vázquez Queipo e Isidro Parga Pondal. Esta actuación forma parte do esforzo do Concello por mellorar as infraestruturas locais, coincidindo ademais coa execución das obras dunha nova pista multideporte neste núcleo residencial, un proxecto público promovido polo Concello.
Estas melloras forman parte do plan impulsado polo Goberno local de Inés Rey e contarán con financiamento compartido entre o Concello e a Deputación da Coruña, que achegará fondos a través do Plan de Obras e Servizos (POS).