O Concello da Coruña imparte un curso de formación de salvamento deportivo nas praias de Riazor e Oza
Un ano máis, a nova tempada de praias da Coruña ofrecerá unha programación especial de formación en salvamento para nenas e nenos en idade de 6 a 16 anos, unha iniciativa na que colaboran, de forma conxunta, o Concello, a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) e o equipo de profesionais do servizo de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios dos areais da cidade.
As actividades, que se levarán a cabo nas praias de Riazor e Oza, comezarán mañá, xoves 4 de xullo, e prolongaranse ata o 15 de setembro, data na que remata a prestación do servizo de salvamento. Ata entón, os nenos e nenas poderán participar en sesións formativas tanto individuais como colectivas, nas que aprenderán as principais técnicas en materia de salvamento deportivo. Tamén maniobras básicas na asistencia sanitaria a persoas, como a reanimación cardiopulmonar (RCP).
A concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz, incidiu ademais no "carácter lúdico e participativo das actividades, que ademais de fomentar o gozo da rapazada e valores coma o respecto e compañeirismo, tamén achegan unha serie de coñecementos que poden ser moi útiles no ámbito familiar".
A programación de actividades, en horario de mañá e tarde
A posta en marcha da formación en salvamento para nenas e nenos de 6 a 16 anos reforza o plan de actividades sociodeportivas que impulsa o Goberno de Inés Rey na cidade nestes meses estivais, implicando á rapazada en iniciativas saudables en espazos naturais e aproveitando, de paso, para facilitar a conciliación familiar.
Cómpre destacar que as actividades en Riazor e Oza terán lugar de luns a venres, tanto en horario de mañá (de 11.30 a 13.30) como de tarde (de 16.00 a 18.00 e de 18.15 a 20.15 horas).
As persoas interesadas en formar parte nas actividades poderán inscribirse previamente na web da FESSGA, a través desta ligazón, ou ben in situ, nas casetas de salvamento de Riazor e Oza.