O Concello da Coruña fará unha nova área de xogos infantís e unha pista multideporte na Silva

ACoruñaXa
O executivo destina un investimento de máis de 340.000 euros aos traballos, que xa saíron a licitación. A intervención levarase a cabo nunha superficie carente de uso preto do parque biosaudable do barrio
Imaxe do centro cívico da Silva na Coruña
3 Ago 2024

O Concello da Coruña licitou esta semana a obras de construción da nova zona de ocio infantil na Silva, unha intervención coa que o executivo dará resposta a unha demanda da veciñanza e que posibilitará a creación dunha área de xogos para as crianzas e tamén unha pista multideporte.

Os traballos executaranse na superficie traseira do centro social da Silva, un enclave que, no pasado, cando o edificio tiña usos educativos, xa se tiña empregado como un patio de xogos. “A día de hoxe, está carente de uso e, polo tanto, infrautilizado. Acometeremos a súa remodelación para dotar as veciñas e veciños da Silva dun novo espazo público para o gozo e lecer da rapazada”, expuxo a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Cómpre destacar que, xa no pasado mandato, o Concello iniciou a recuperación progresiva desta superficie habilitando o primeiro parque biosaudable da Silva, outra solicitude veciñal á que se deu cumprimento co obxectivo de fomentar a práctica de actividade física ao aire libre por parte da poboación adulta do barrio.

Agora, está previsto actuar sobre outros 777 metros cadrados da parcela para darlle forma á zona de xogos infantís e á pista deportiva. A primeira, ideada para nenas e nenos en idade de 3 a 6 anos, incorporará diversos xogos adaptados ás crianzas con mobilidade reducida. Por exemplo, un carrusel inclusivo semellante aos xa instalados en outros parques infantís da cidade, como os de Méndez Núñez. Ademais, tamén se instalarán bambáns e estruturas multixogo con randeeiras e paredes de escalada infantil, entre outros elementos.

No caso da pista multideporte, o Concello ten previsto dispor tres canastras e dúas portarías que lles permitirán ás persoas usuarias a práctica deportiva de disciplinas como o fútbol sala ou o baloncesto. A pista contará cun valado perimetral e tamén cunha rede de protección, de catro metros de altura, coa que se evitará a saída de balóns fóra do recinto.

Neste sentido, arredor da área infantil, a pista multideporte e o parque biosaudable habilitarase unha nova rede de iluminación, con once báculos, para facilitar a visibilidade das persoas usuarias.

Máis arboredo para aproveitar a superficie existente

 A intervención sobre a soleira de formigón da parcela do centro social da Silva tamén permitirá acondicionar a superficie existente para crear un novo percorrido accesible nun dos laterais do centro social, facilitando así a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida á parte traseira do edificio, onde estarán os espazos de xogo e a pista multideporte.

Ademais, o plan de obra tamén aparella unha serie de melloras orientadas á creación de zonas verdes no soar. No seu sector sur darase forma a unha nova xardineira con arbustos, e tamén está previsto plantar cinco pradairos que farán de barreira vexetal entre o edificio do centro social e a futura área de xogos infantís. As áreas verdes contarán con sistema de rego.

Tamén se instalarán novos bancos para o lecer da veciñanza, papeleiras e unha fonte adaptada

(accesible para as persoas usuarias de cadeira de rodas). A creación da nova área infantil da Silva foi un dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey neste novo mandato. A súa construción suporá un investimento de 345.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos, a súa execución durará oito meses.

0.21530103683472