O Concello da Coruña e ACCEM renovan o seu convenio de colaboración para este ano

ACoruñaXa
As dúas entidades asinaron o acordo para financiar o centro de día para persoas sen teito e o dispositivo de frío
Imaxe da renovación do convenio con ACCEM
21 Maio 2024

O Concello da Coruña e ACCEM  renovan o seu convenio de colaboración para este ano 2024.  Esta mañá a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou coa coordinadora de ACCEM em A Coruña, Cristina Ucieda, o convenio nominativo polo que se renova o apoio do Concello ao financiamento do centro de día para persoas sen teito e o dispositivo de frío cos que a entidade atende ás persoas máis vulnerables da cidade. O importe do convenio é de 45.000 euros para este ano 2024.

“O compromiso do Concello con ACCEM e o seu labor de defensa os dereitos e o benestar das persoas máis vulnerables da nosa sociedade remóntase ao ano 2011 e inscríbese nunha relación directa e fluída que nos permite chegar a máis persoas de forma máis eficaz”, destacou Inés Rey.

Pola súa banda, a representante de ACCEM agradeceu “o apoio e a estreita colaboración que existe entre ACCEM e o Concello, que permite con proxectos de continuidade como estes dar estabilidade a todos estes anos de traballo con persoas en risco de exclusión social”.

O convenio co Concello permite á entidade manter un centro de atención polas mañás no que se proporcionan servizos de almorzo, duchas, despachos de billetes, repouso… Trátase dun espazo aberto, accesible e protexido, onde as persoas atendidas poden mitigar as súas necesidades básicas e recibir servizos de atención social de maneira integrada na rede de recursos para persoas sen fogar na Coruña. A través do convenio materialízase tamén o apoio de ACCEM na Coruña ás campañas do frío para a atención de persoas sen fogar.

Este 2024 o Concello mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.

ACCEM, creada en 1994, está presente en trece comunidades autónomas e nun total de 43 municipios de toda España e traballa para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade con independencia da súa orixe, xénero, orixe nacional ou étnica, orientación e identidade sexual, relixión, opinión ou grupo social.

0.19116401672363