O Concello da Coruña destina case medio millón á segunda fase do plan de climatización da Fundación Luís Seoane
O Concello da Coruña destinará 445.954 euros á segunda fase do plan de renovación do sistema de climatización e illamento da Fundación Luís Seoane. Esta intervención, fundamental para solucionar as deficiencias de filtracións e deterioro que o edificio arrastra desde hai máis dunha década, será licitada proximamente en Xunta de Goberno Local.
Na primeira fase xa se acometeran melloras como a impermeabilización e a renovación de illamentos térmicos, e agora darase continuidade ao proxecto coa substitución das unidades de tratamento de aire da cuberta. Ademais, cambiaranse as tuberías metálicas por outras de material plástico, máis resistentes ás condicións ambientais ás que está exposto o inmoble.
Dende o Goberno local destacan que esta actuación é clave para garantir o correcto funcionamento da Fundación Luís Seoane, que custodia un valioso legado artístico e documental. Con esta nova fase, o investimento total ascenderá a máis dun millón de euros, sumando os case 800.000 euros xa destinados na primeira parte do proxecto.